Do verbo antigo en Johan Garcia de Guilhade
María Rosario Soto Arias e Luis González García
IES Eusebio da Guarda e Universidade da Coruña
O presente traballo estuda tres paremias, ou posibles paremias, que aparecen nas cantigas de escarnio do trobador galego-portugués medieval Johan Garcia de Guilhade (Castanhas eixidas, e velhas per souto, Cada casa, favas lavan! e Ess’ é que foi con os lobos arar). Primeiro procédese á revisión de lecturas anteriores propostas pola crítica especializada e logo ofrécense novas alternativas. Así mesmo, faise unha breve referencia á cuestión da pervivencia no plano sincrónico das tres paremias obxecto de estudo.
Palabras clave: fraseoloxía, paremia, cantiga de escarnio, lírica medieval, pervivencia.
In the present paper we analyze three proverbs, or possible proverbs, that appear in cantigas de escarnio by the medieval Galician-Portuguese troubadour Johan Garcia de Guilhade (Castanhas eixidas, e velhas per souto, Cada casa, favas lavan! and Ess’ é que foi con os lobos arar). In the first place, we proceed to a review of previous readings proposed by the specialized critics and, afterwards, new alternatives are offered. A brief reference is also made to the question of the three saying survival to the present time. Key words: phraseology, proverb, cantiga de escarnio, medieval poetry, survival. 1. Introdución É a nosa intención revisar e ofrecer novas lecturas de tres paremias ou posibles paremias que aparecen nas cantigas escarniñas do trobador galaico-portugués Johan Garcia de Guilhade. Citarémolas seguindo a orde de edición de Rodrigues Lapa (1995). Son estas: Castanhas eixidas, e velhas per souto (nº 216 na edición citada; CBN. 1502 = CB. 375), coa variante nas cobras 2ª e 3ª Castanhas saídas, e velhas per souto; en segundo lugar aparece: Cada casa, favas lavan! (nº 217; CBN. 1503 = CB. 376); en terceiro lugar: ess’ é que foi con os lobos arar (nº 218; CBN. 1493; CV. 1104). 2. Castanhas eixidas, e velhas per souto A primeira delas funciona como refrán ou estribillo da cantiga, sempre ao final de cada unha das tres cobras ou estrofas. Foi xa detectada e incluída na súa listaxe por Filgueira Valverde (1976: 360-361), pero sen que o ilustre pontevedrés achegase datos da súa Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
interpretación semántica. A súa significación preséntase, nun principio, algo escura, suxeita a distintas hipóteses; en concreto, e sempre nun plano teórico, caben dous feixes de interpretacións:
a) aquelas que parten da análise da palabra velhas como substantivo referido a mulleres de idade,
b) aquelas que parten da análise de velhas como adxectivo referido ás castañas, nunha coordinación paralelística que oporía eixidas como sinónimo de novas, recentemente caídas, deste ano a velhas, doutros anos (castanhas [eixidas e velhas] per souto).
Que nós saibamos, estas posibles lecturas, as que etiquetamos tipo b), non foron estudadas aínda. Por elas é que imos empezar.
Cómpre, porén, situarse no contexto do poema e do xénero ao que pertence. Don Foán, dinos o narrador, cuxa voz podemos identificar coa do poeta, ofrécelle a este un bo día partillar, compartir con el do seu, do que ten, e este, o narrador, que o coñece ben, di así, sen dúbida con certa retranca: Castanhas saídas e velhas per souto; é dicir, postos na perspectiva b), “pouco es ti de fiar, sabendo como sei que che anda todo ciscado, abandonado, que nin tan sequera es quen de recoller o froito da terra ou de ordenar minimamente a túa facenda”. A crítica que lle faría a don Foán, se esta lectura fose a acertada, sería a de subliñar defectos tales como a desidia, a preguiza, o abandono e, emporiso, o incumprimento das súas obrigas e das súas promesas.
Se quixeramos fiar máis fino, e manténdonos aínda no plano b), cabería unha segunda interpretación metafórica: as castañas serían as cousas boas, o bo prometido, en última instancia, as boas palabriñas, e así teriamos: “si, si, vaiche boa, xa sei eu onde fican as túas novas promesas, no mesmo sitio onde van as vellas…”; é dicir, segundo esta nova lectura, o narrador dá a entender que xa non é a primeira vez que escoita promesas que logo leva o vento, que van caer no mesmo souto que caeron as vellas promesas, para podrecer alí.
A crítica especializada, como dabamos antes a entender, ten analizado velhas como substantivo. No refraneiro ibérico en xeral e no galego en particular hai moitos refráns onde as vellas aparecen como metonimia para os seres humanos con certa idade ou con certa experiencia e sabedoría popular. Podemos relembrar algúns galegos e portugueses: A vella de escarmentada, pasa o rego remangada (Ferro 1987: 266); Está a vella morrendo e está aprendendo (Ferro 1987: 102); En maio inda a vella queima o tallo (Ferro 1987: 365); De vella, gaiteira (Soto 2003: 75); Bago a bago unha vella fixo un mollo de viño (da oralidade, zona do Ribeiro de Avia); Unha vella, de frebas, xuntou cen meas i-outra, de bagos, xuntou un canado (Vázquez Saco 2003: 200); A vella dos anos mil gardaba pan para maio e leña para abril (Ferro 1987: 65); Cuyta faz velha choutar (Hernán Núñez 1992 [1555]: 34); A necessidade mete a velha a caminho (Moreira dos Santos 2000: 33); De bago em bago, enche a velha o saco (Moreira 2000: 99); Em Abril sai a velha do covil, dá uma volta e torna a vir (Moreira 2000: 123); Em Maio, come a velha as cereijas ao borralho (Moreira 2000: 126); Por São Francisco semeia o trigo, a velha dizia; e já semeado o trazia (Moreira 2000: 267); Velha experimentada por água vai arregaçada (Moreira 2000: 345) etc.
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
Así, analizando velhas como substantivo, temos o caso do profesor Rodrigues Lapa (1995: 147): lembra que Nobiling achega o significado deste refrán mais non o esclarece. Cita así mesmo a João Ribeiro, pouco convincente coa súa explicación (segundo a cal, tras saír as castañas dos ourizos, andan as vellas polo souto para evitaren roubos) e ofrece, el mesmo, unha lectura plausible e verosímil: a imaxe das vellas rebuscando polo souto as poucas castañas que quedan tras seren previamente varexadas ou recollidas vén sendo a imaxe das finanzas de don Foán; nada pode realmente dar ou compartir porque nada ou moi pouca cousa ten. Esta esexese é seguida por Agostinho Domingues (1992). Igualmente, Elixio Rivas ve nesa imaxe das pobres vellas á pilla das primeiras castañas un trasunto do fidalgo arruinado, obrigado a xaxuar ao traspaso (Rivas 1997: 64).
A pesar de considerala unha lectura enxeñosa e moi verosímil, hai un par de datos que deberemos ter en conta á hora de invalidar ou simplemente avaliar outras posibles lecturas: en primeiro lugar, supoñendo que as castañas apañadas polas vellas sexan as da rebusca, non está nada claro que nesas rebuscas se atopase tan pouca cantidade; de feito, historicamente documentamos desde antigo leis ʊescritas ou consuetudinariasʊ que regulamentan a rebusca, de onde nos parece lícito deducir que a cantidade de froitos da terra recollida non debía ser nimia nin desprezable1. Poderase contraargumentar que esas leis están pensadas para grandes superficies de terra dedicada ao gran e que non serve o razonamento aplicado aos castiñeiros. Porén, as extensións dos soutos na Idade Media no noroeste da península ibérica nada teñen que ver coas actuais. Fixémonos en que, aínda no século XX, nos Ancares recordan cando para varexar os castiñeiros tiñan que acudir aos galegos vidos de fóra do val, en número de corenta ou cincuenta (Fernández González 1978: 152)2.
Entón, se non é a cantidade, se por un momento negásemos que o defecto escarnecido polo trobador sexa a pobreza material, podiamos pensar que se trata da miseria moral. O trobador criticaríalle daquela que fose un rañas, un tacaño avarento: “si, si, xa sei eu o que me vas dar ti, coñecéndote, sei que darás do que che sobre, do que menos vale (as castañas da rebusca serían aquí as de segunda categoría), do que xa non che fai falta”.
En segundo lugar, hai outra posible obxección á lectura de Rodrigues Lapa que vén dada da existencia de variantes nos refraneiros portugueses modernos; en conreto documentamos as seguintes variantes do refrán que nos ocupa: Sôntáije/Sôutáije acabada, velhas ao sóuto (J. Leite de Vasconcelos, en nota que engade nun artigo de Carolina Michaëlis de Vasconcelos (Michaëlis de Vasconcelos 1887-89: 72)); Sentage
1 Na Biblia hai leis específicas tocantes á rebusca: cómpre deixar eses froitos que fican na terra para os
pobres, os forasteiros, os orfos e as viúvas: Levítico, 19, 9-10; Levítico, 23, 22; Deuteronomio, 24, 19-22, onde se alude ás oliveiras e as viñas: cando segues a túa anada, cando varexes as túas oliveiras, cando vendimes a túa viña non farás rebusco; Rut, 2, 2. Entre nós tamén existe esa lei, consuetudinaria, non escrita polo que sabemos; tamén en Aragón, un noso colega de Alcañiz confírmanolo; Eladio Rodríguez, s.v. rabusco, fala tamén deste costume arraigado en todo o país e que se aplica a todo tipo de gran e froito.
2 Doutra banda, o libro citado de Elixio Rivas (1997) ofrece abundantes datos da inconmensurable e hoxe en
día inimaxinable riqueza de soutos no noroeste hispánico noutrora.
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhadeacabada, velhas ao souto (Theophilo Braga 1914: 227); Castanhas caídas, velhas ao souto (Machado 1996: 134); Castanhas enchidas, velhas ao souto (Marques da Costa 1999: 110)3. Se estas variantes son fiables, e non temos motivos para pensar outra cousa, e son herdeiras directas como parece da paremia medieval, as conclusións ás que chegamos son dúas: primeira, parece quedar invalidada a lectura de vellas como adxectivo; segunda, a semántica que nos facilita a supresión da conxunción copulativa e o cambio de preposición (a non canto de por) é outra: a nova preposición dá idea de movemento, de acción inmediata; quer dicir, a nova lectura que salta ás nosas mentes é esta: en canto están ascastañas en sazón, van correndo as vellas para pillalas ou algo polo estilo (en asturiano hai un refrán que nos parece oportuno relembrar aquí e agora: Nel tiempu les castañas, el que la paña la paña4). A semántica nova é de oportunidade ou aproveitamento e incluso, se se quere, algo de pillería, de darse boa maña, na mesma onda do refrán Quien no sabe mañas, no come castañas (Rodríguez Marín 1926: 418)5.
Complicando aínda a cuestión, todo radica, se damos por aceptable esta hipótese, en saber por parte de quen se dá ese aproveitar a oportunidade: ¿por parte do trobador? Entón o refrán equivalería, grosso modo, a ese tan coñecido que di: Cando che dan a ovella, colle a corda e vai por ela; ou se cadra equivalería a aqueloutro: Hoxe é día de bote aquí, miña tía. ¿O aproveitado é o propio don Foán? Pois a paremia conmutaría por outra do tipo Regalo de monxa, cunca de leite por cunca de aceite (Ferro 1987: 503), é dicir, “se este me ofrece algo, é porque algo quere tamén de min a cambio, porque eu xa sei que este é un aproveitado”.
3. Cada casa, favas lavan!
3 Noutras coleccións paremiolóxicas, tanto en portugués como en galego ou en castelán por nós revisadas,
non figura este refrán que estudamos nin variantes afíns. Tampouco logramos documentalo na fala viva de distintas zonas ricas en castiñeiros do país.
Con respecto ás dúas variantes recollidas por Leite de Vasconcelos e Theophilo Braga na rexión miñota
portuguesa, presentan problemas na lectura e no significado da primeira palabra. Tras unha demorada e infructuosa procura nos dicionarios e repertorios lexicográficos ao noso alcance e ao alcance de amables colegas ʊdesde aquí o noso agradecemento ao profesor Iriarte Sanromán da Universidade do Minhoʊ, concluímos que tal vez nos achemos diante dunha mala lectura e que en realidade se trate de *soutage, un hipotético derivado deverbal do verbo soutar, ‘apañar castañas caídas no souto’, verbo que se documenta tanto no galego actual como no portugués provincial (Rivas 1997: 134-135). Outros deverbais semellantes, como, por exemplo, souteira ou soutexo, aparecen así mesmo en galego (Rivas 1997: 112-116). O significado que lle corresponde a estes deverbais refírese tanto ao tempo de plena madurez do froito, a sazón, como á recollida, ao acto de apañar as castañas.
4 Información dispoñible na rede: www. xuliocs.com/castanrefran.htm
5 Formas paralelas en galego e en portugués: O que non sabe maña queda ás veces sen probar castaña (Ferro
1987: 372); As castañas, a todas as mañas (Vázquez Saco 2003: 55); Sin maña non se come castaña (Vázquez Saco 2003: 819); O que non sabe maña, non come castaña e, pra a comer, hai que a saber; O que sabe mañas, asa castañas; i-o que non sabe ningunhas, nin asadas nin crudas; O que ten maña, apaña; O que ten maña, sempre apaña (Vázquez Saco 2003: 480); A castanha tem manha: vai para quem a apanha (Moreira dos Santos 2000: 23); A castanha tem uma manha: quem a vê apanha-a (Santos Júnior 1949: 11).
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
A segunda paremia que revisaremos é a que di: Cada casa, favas lavan!, nun contexto no que o narrador-trobador é testemuña de como uns infanzóns e un ricohome critican a un terceiro por mesquiño, escaso, lixoso e outros defectos do xénero. Entón el, que os está oíndo, pronuncia a sentenza citada.
Déronse varias interpretacións: Rodrigues Lapa (1995: 147) menta a de Carolina Michaëlis, Cá e lá más fadas há, onde hai que entender “más fadas” como desgrazas ou mala sorte6. O profesor Rodrigues Lapa achega dúas posibles lecturas, citámolas literalmente: Em casa, por penuria se comen ás vezes favas, e Sabe Deus o que também vai lá por casa (1995: 147). José Mattoso interpreta ao ler ese proverbio que as normas dependen do lugar onde se aplican (Mattoso 1987: 26), ou ben podería significar que en cada casa se resolven os problemas á súa maneira (Mattoso 1987: 40). Pola súa banda, Agostinho Domingues (1992: 76) explica que cada un só coñece ben as mazelas da propia casa e, engade o estudoso da obra do noso trobador, que non deixa de ser curiosa esta actitude, digna da máis loable caridade cristiá, tan infrecuente en Garcia de Guilhade.
Nós, como nacidos e criados nun país onde o refrán En todas as casas/partes cocen fabas é moeda de uso corrente, non vemos ningún problema en asimilar este refrán tan vivo e tan usado ao medieval. Evidentemente, para nós, a hipótese preferible é esa: Cada casa, favas lavan é sinónimo total do refrán galego e castelán actual En todas partes cocen fabas/En todas partes cuecen habas, co significado inequívoco de “en todas partes hai defectos, en todas partes hai moito que criticar” ou, como variante secundaria próxima, “en todas partes hai problemas”.
¿Por que non se conservou no portugués estándar actual?7 Pola deriva histórica, caprichos da historia das linguas. Recordemos que para os neogramáticos do XIX cada palabra é un mundo. Se as linguas eran para eles, seguindo unha metáfora organicista, seres vivos que nacen, se desenvolven ou multiplican e morren, así tamén as unidades que as compoñen, entre elas as paremias, nacen, crean variantes, pero poden desaparecer, morrer. En Portugal, ese refrán parece que desapareceu e por iso non o coñecen os ilustres críticos nacidos e educados no país irmán do século XX. De feito, vista a vitalidade e variantes da paremia no territorio peninsular ocupado polos dominios lingüísticos occidental e central, podemos supoñer que a orixe dela debe estar na vella Gallaecia, de tal modo que, cando se produce o desprazamento do eixe politíco-cultural do reino luso cara ao sur, a paremia, como tantos outros modismos e formas arcaicas, non é asumida pola nova e moderna lingua imperial.
6 Aínda na fraseoloxía do galego actual subsisten as frases feitas Boa fada e mala fada para significar boa e
mala sorte; dise así mesmo Poucas son as malas fadas cando o peor dun asunto xa pasou; en Curros (1977 [1880]: 23) aparece Botáronche a fada?, como sinónimo de Caéuche unha praga, unha maldición?
7 Non figura en ningunha das coleccións paremiolóxicas en portugués que consultamos. Interrogamos o noso
amigo, o grande coñecedor de fraseoloxía portuguesa, o señor António Nogueira Santos e díxonos que en toda a súa vida o oíra. Porén, a nivel local localizamos en Vázquez Saco unha variante co verbo comer de Chaves, na raia con Ourense, o cal nos fai pensar na posible orixe norteña do refrán: Em cada casa comem favas e na nossa ás caldeiradas (Vázquez Saco 2003: 419, nº 10632).
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
O concepto expresado polo refrán hispánico, ben vivo hoxe en día, acáelle ao contexto da cantiga medieval como embude á boca de xerro; o trobador viría dicir algo así: “estades bos para criticardes a ninguén, cando todos sabemos que en todas as casas cocen/lavan fabas”; sabemos, con outras palabras, que todos temos moito que rascar, todos temos os nosos propios defectos; e se facemos caso á variante hispánica completa, variante longa, e na miña casa a caldeiradas, aínda poderiamos engadir: “e na casa propia aínda máis, así que postos a criticar, mira mellor para a túa casa onde seguramente hai máis defectos que nas casas alleas”.
Con respecto á documentación destas paremias, a forma completa máis antiga co verbo cocer aparece, que nós saibamos, en Hernán Núñez (2001 [1549]) e presenta o sintagma cada casa (En cada casa cuezen havas y en la nuestra a calderadas), igual que na paremia do trobador medieval. E así aparece tamén en Correas, no primeiro terzo do XVII (Correas 1967 [1627]), alternando xa con outras posibilidades, do tipo en tu casa; en mi casa. , i en las otras.
A variante en otras casas cuecen habas, y en la mía, a calderadas aparece na segunda parte do Quijote, cap. XIII, en boca de Sancho (Cervantes 1962: 670). O sintagma otras casas concorre de novo no mesmo refrán nunha novela pouco coñecida do XVIII, concretamente de 1799 (Gutiérrez 1994), e non o volvemos documentar máis en castelán. Chama a atención que nese idioma, canto máis atrás imos no tempo, máis documentamos a variante paremiolóxica co substantivo casa, afín á variante medieval obxecto de estudo, mentres que no uso actual do castelán predomina indiscutiblemente o substantivo partes.
En galego, abunda a forma paremiolóxica con casa: Ferro (1987: 217) só recolle dúas paremias e nas dúas figura ese grupo nominal, en cada casa; Eladio Rodríguez (1958-61) só recolle esa variante (Santamarina 2003, s.v. cocer); Vázquez Saco (2003) presenta un alto número de variantes: En todo lugar hai fabas que tostar (nº. 1482), En todas as casas ruxen as cuncas, menos na miña que creban (nº. 5410), En todas partes hai fabas que mondar (nº. 7380; esta variante intégraa no concepto Dificultades), En tódalas casas se cocen fabas e na nosa caldeiradas (nº. 10562), Na casa da miña veciña cocen fabas; e na miña, a caldeiradas (nº. 10632; aquí fai a seguinte digresión o ilustre sacerdote: en sentido moral, enseña que las flaquezas humanas no son exclusivas de ningún lugar, Vázquez Saco 2003: 419), En todas partes cocen fabas, e en algunhas a caldeiradas (nº. 17822). Se as consideramos todas variantes válidas para o caso que nos ocupa, concluímos que a frecuencia de aparición do substantivo casa na paremioloxía do galego actual é do cincuenta por cento.
4. Ess’ é que foi con os lobos arar Para rematarmos, ocuparémonos agora da frase proverbial arar con lobos. Os autores que estudaron ese verso de Garcia de Guilhade captan con bastante acerto a súa significación pero non logran dar co nobelo, co fío que os conduza á orixe da frase.
Relembremos o contexto: trátase dunha tenzón, unha regueifa diriamos en galego moderno, entre o trobador Joan e o xograr Lourenço; o primeiro critícalle ao segundo con certo espírito lúdico o mal que o está facendo por meterse en mesteres que non lle
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
corresponden, por exemplo o de trobar, mais tamén por executar música e por cantar. O xograr deféndese e dille que non é quen para xulgalo porque non é el, João Garcia, tan experto, tan sabido nesas artes. É daquela cando retruca o trobador Garcia de Guilhade: “así que te atreves incluso a dicirme que eu non sei do que falo, que me falta mestría. Non, eu non quero pelexar contigo, pero si que coñezo e sei moi ben como son os teus mesteres, os teus traballos, e vouche dicir unha verdade sobre eles: ess’ é que foi con os lobos arar!”. O que para nós, logo xustificarémolo, equivale a dicir: “a ti pásache como a aquel que foi arar cos lobos: que perdeu o tempo, que fixo algo inútil, que traballou en balde” ou mellor aínda, “dígoche deles como dixo o que arou cos lobos: dou ao demo todos; postos a escoller entre eles ningún vale un farrapo de gaita”.
Arar cos lobos entra na mesma clase semántica daqueloutras frases proverbiais (chamámolas así porque aparecen ás veces asociadas a auténticas paremias ou proverbios, sen que nos sexa posible polo momento determinar cal se xera primeiro, se a frase, se a paremia; para o que hoxe nos ocupa tampouco é decisiva a cuestión) do tipo arar co demo, arar con nenos, arar no mar.
A primeira atopámola nun refrán do padre Sobreira: Quen co o Demo ara o Boy se lle esmouca (Santamarina 2003, s.v. demo), e parece ter continuación nunha variante máis moderna recollida por Eladio Rodríguez: Ó que co demo traballa, os bois se lle desmandan (Santamarina 2003, s.v. demo)8, de semántica paralela ao verso rosaliano O que o diancre traballa din que acaba tarde ou nunca (Rosalía de Castro 1982 [1863]: 53); a segunda frase, arar con nenos, tamén aparece nun par de refráns: Ara con nenos e comerás cañotos (Vázquez Saco 2003: nº 16135); Ara con niños y recogerás cardillos (Díez Barrio 1994: 48); Finalmente, arar no mar é frase feita para significar algo que se fai en balde (López Taboada e Soto Arias 1995: 159). As tres frases teñen ese valor semántico en común: equivalen a traballar para obter pouco ou nulo resultado.
Polo que respecta a arar con lobos, atopámola con posterioridade á época trobadoresca, formando parte tanto dun refrán como dunha frase proverbial; nós, a título de mera conxectura, supoñemos que o refrán é a creación orixinal e de aí, por implicitación, se desglosa a parte que vimos denominando a frase proverbial; presumiblemente o refrán sería tan familiar para aqueles interlocutores, nosos ancestros, que só con oír unha das partes, ficaba implícita na mente de todos a outra que se omite. Un fenómeno semellante dáse na lingua de hoxe en día con frases como a palabras necias., o que con nenos se deita. ou .díxolle a sartén ao cazo9.
O refrán ao que nos referimos é este: Dou ó demo todos, dixo o que araba cos lobos (Eladio Rodríguez, apud Santamarina 2003, s.v. demo), variante moderna dunha forma máis antiga, que figura en galego na listaxe do comendador Hernán Núñez, Do demo a 8 Na mesma serie semántica de desgustos recollidos como pago por traballar co demo temos: Quen co demo
anda, co demo acaba; Quen co demo cava a viña, co demo a vindima; Fariña que trai o demo, logo se volve farelo (Santamarina 2003, s.v. demo).
9 Con todo, e sen abandonar o terreo das conxecturas, ben é verdade que a única forma posible de interpretar
o uso da frase responda el que araba con los lobos, que aparece máis adiante na nota nº 12 , é co coñecemento implícito da forma do refrán completo Dou ó demo todos, dixo o que araba cos lobos. Véxase máis adiante a explicación que propoñemos.
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhadetodos, dixo o que araua con os lobos (López Navia 1992: 36), e vémola tamén en Correas case cen anos despois, “Do al diablo a todos”, dixo el ke araba kon lobos (Conde Tarrío 2004: 43).
En galego a frase dar ao demo algo/alguén é relativamente común e significa igual que mandar a mala parte, rexeitar ou desprezar10. O significado do refrán parécenos evidente11: os lobos non valen para arar, é inútil pretender facer con eles ese labor, máis aínda, resulta tan desesperante que un acaba por mandalos á merda/ao demo (con perdón), por inútiles ou inservibles. Fixémonos na necesidade explícita no noso propio discurso de pedir desculpas pola malsonancia: o demo é tabú. Xustificaríase así o eufemismo extremo, a desaparición desa parte do refrán, e iso é, insistimos, o que nós pensamos que debeu ocorrer tanto no caso da linguaxe literaria en vigor na Idade Media no ámbito galego-portugués como no ámbito occidental hispánico en xeral. A frase proverbial documentámola cedo, antes do comendador Hernán Núñez, concretamente nun diálogo en castelán do ano 1545 (Hermosilla 2003 [1545], 35). E di así: ¿Cuál es la mexor? –A eso responda el que araba con los lobos12. Como vemos (hai máis contexto en nota ao pé de páxina) o texto é un tanto críptico e para interpretar a pasaxe en cuestión é necesario xogar coa elipse, e restituír aquilo que para o interlocutor da época se sobreentendía, a saber, “postos a escoller entre [a executoria de nobreza de] confesos e mouriscos, responda o que araba cos lobos”, é dicir, ao demo con todos, tanto se me dá,
10 Aparece en máis refráns, por exemplo: Dade ó demo a chave que tódalas portas abre, Dade ó demo o
amigo que vos deixa a palla e vos leva o trigo (Eladio Rodríguez, apud Santamarina 2003, s.v. demo).
11 Outra cousa distinta é tentar explicar o nacemento desta imaxe, a dun home arando con lobos. É posible
que na xénese do refrán estea un conto popular ou un motivo folclórico que lamentablemente ignoramos. Na contística europea non é infrecuente o caso do labrego que fai pauto ou sociedade co demo para obter beneficios das colleitas e para evitar que o demo saia gañando na asociación, a muller do labrego logra enganalo; paralelamente, tal vez existise un relato en que a sociedade é con lobos, pero sen obter resultados satisfactorios. Porén, quizais non sexa impresicindible presupoñer un relato folclórico máis explícito; pode que chegue, para explicar a xénese desta frase que nos ocupa, con circunscribirnos a aquelas sociedades arcaicas onde arar era un labor común, básico, frecuente, e incluso un labor mítico, ritual cando se trataba de delimitar o ‘pomerio’, o perímetro sagrado no nacemento das urbes etruscas e romanas. Había que arar, relembremos, cun touro e unha tenreira brancos. Precisamente en latín documentamos un par de refráns cos verbos arar ou xunguir que nos relembran moito ao que estamos estudando no vello romance occidental. Por exemplo, Arare bove et asino (Cantera 2005: 27), Iungere vulpes (Cantera 2005: 116). Este último, xunguir raposos, cun significado aproximado de ‘facer cousas absurdas ou imposibles’en Virxilio (Qui Bavium non odit, amet tua carmina, Maeui,/ atque idem iungat uulpes et mulgeat hircos: Virxilio, Bucolicae, III, 90-91); volvemos atopalo, Iungere vulpes ad aratrum, na Roma do XVI, na obra Epitome adagiorum ex graecis latinisque scriptoribus, de Iosephus Albertatius. Debemos estas fermosas referencias ao noso colega e amigo o prof. Emilio Insua.
12 “GODOY. Pláçeme. Por mejor hidalgo se tiene, en opinión de todos, el de la propiedad quel de la sola
posesión, y el del solar conosçido, quel que no le tiene y que, cuando viene a sacar su executoria, ha menester inventar armas que poner en ella; y el que [lo] es de todos cuatro costados, el cual propiamente se llama noble, que el que cojea del uno, aunque sea labrador, que más vale pieça toda de fino oro y plata mezclado, y mexor el que la tiene de labrador, que el que la tiene de confeso o morisco.
LORCA. Y desas dos, ¿cuál es la mejor? GODOY. A eso responda el que araba con los lobos. Aunque entiendo que los moriscos serán más
favoresçidos, cada uno defienda su partido. Peor es el que tiene la mitad que el que tiene parte, y más si es de tan lexos que con su bondad lo encubra; pero si se llega de padre y madre, tanto más mal, porque de lo malo mientras más peor” (Hermosilla 2003 [1545]: 38).
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
entre uns e outros, porque son todos tan malos, que pouco hai que escoller (nun sentido paralelo ao que establece esoutra serie paremiolóxica familiar ao galego que di entre a rapa e a rebola ¡veña o demo e escolla! (Ferro 1987: 4171), dito doutra forma, entre ruín gando, pouco terás que escoller (Ferro 1987: 9627)). Citemos, para rematar, outros dous casos de reutilización da paremia no castelán do XVI: Del mejor reniego / como del que araua con lobos, en 1549 (Vallés 2003 [1549]: refrán 1008). A outra é máis explícita e clara na interpretación da ruín escolla: Reniego del mejor de vosotros, como dixo el que arava con los lobos, en 1553 (Torquemada 1994 [1553]: 291)13.
Na lingua actual, emporiso, non puidemos documentar nin o refrán nin a frase vivos. O saldo preséntasenos, ao final, negativo: de tres posibles paremias medievais, só unha pervive con saúde e vitalidade incontestables na nosa contorna. É inevitable lembrar, de paso, que as castañas tampouco teñen a importancia económica que outrora, antes da chegada da pataca de América, tiveran. Os castiñeiros, aínda así, árbores de grande beleza e avoengo, merecerían unha longa pervivencia, libres de pestes.
Referencias bibliográficas BRAGA. T. (1914): “Adagiário portugués” en Revista Lusitana XVIII, 225-274. CANTERA ORTIZ DE URBINA, J. (2005): Diccionario Akal del Refranero Latino. Akal,
CASTRO, R. de (1982 [1863]): Poesías. Ed. do Patronato, Vigo. CERVANTES, M. DE (1962): Obras Completas I. Ed. de Martín de Riquer. Planeta, Barcelona. CONDE TARRÍO, G. (2004): “Hernán Núñez (1555) e Gonzalo de Correas (1627): os
primeiros refraneiros galegos” en Cadernos de Fraseoloxía Galega 6, 27-56.
CORREAS, G. (1967 [1627]): Vocabulario de refranes y frases proverbiales. Ed. de Louis
Combet, Institut d'Études Ibériques et Ibéro-Américaines, Burdeos. (consultado en REAL ACADEMIA ESPAÑOLA: Corpus diacrónico del español (CORDE) <http://www.rae.es>).
CURROS ENRÍQUEZ, M. (1977 [1880]): Aires da miña terra e outros poemas. Castrelos,
DÍEZ BARRIO, G. (1994): Los refranes en la sabiduría popular. Castilla ed., Valladolid. DOMINGUES, A. (1992): Cantigas de JoãoGarcia de Guilhade. Subsídios para o seu estudo lingüístico e literário. Ed. da Câmara Municipal de Barcelos, Barcelos.
FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, J. R. (1978): “Etnografía del Valle de Ancares” en Verba, Anejo
FERRO RUIBAL, X. (1987): Refraneiro Galego Básico. Galaxia, Vigo. FILGUEIRA VALVERDE, X. (1976): “A inserción do “verbo antigo” na literatura medieval”
en Boletín Auriense, ano VI, t. VI, 357-361.
13 “Pero, ¿quién ay que haga esto? Licenciado Lerma: Algunos avrá, si Vuessa Merced manda no llevarlos a todos por un rasero. Pimentel: Si los ay, yo no los veo, y reniego del mejor de vosotros, como dixo el que arava con los lobos”.
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
María Rosario Soto Arias e Luís González García. Do verbo antigo en Johan García de Guilhade
GUTIÉRREZ, Luis (1994 [1799]): Cornelia Bororquia. Historia verídica de la Judith española.
Ed. de Juan Ignacio Ferreras, Ediciones Vosa, Madrid (consultado en REAL ACADEMIA ESPAÑOLA: Corpus diacrónico del español (CORDE) <http://www.rae.es>).
HERMOSILLA, D. (2003 [1545]): Diálogo de los pajes. Ed. de J. M. Franco Rodríguez,
LÓPEZ NAVIA, S. A. (1992): O repertoiro galego dos “refranes o proverbios” en romance do comendador Hernán Núñez (1555). Consello da Cultura Galega.
LÓPEZ TABOADA, C., SOTO ARIAS, Mª R. (1995): Así falan os galegos. Galinova, A
MACHADO, J. P. (1996): O Grande Livro dos Provérbios. Notícias, Lisboa. MARQUES DA COSTA, J.R. (1999): O Livro dos Provérbios Portugueses. Presença, Lisboa. MATTOSO, J. (1987): O essencial sobre os provérbios medievais portugueses. Imprensa
MICAËLIS DE VASCONCELOS, C. (1887-89): “Materiaes para uma edição critica do
refraneiro português” en Revista Lusitana 1, 69-72.
MOREIRA DOS SANTOS, Mª A. (2000): Dicionário de provérbios, adágios, ditados, máximas, aforismos e frases feitas. Porto editora, Porto.
NÚÑEZ, H. (2001 [1549]): Refranes o proverbios en romance. CORDE, Madrid (consultado
en REAL ACADEMIA ESPAÑOLA: Corpus diacrónico del español (CORDE) <http://www.rae.es>).
RIVAS QUINTAS, E. (1997): O castiñeiro e as castañas. Grafo Dos, Ourense. RODRIGUES LAPA, M. (1995): Cantigas d’escarnho e de mal dizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses. Ir Indo, Vigo-Ed. João Sá da Costa, Lisboa (1ª ed. Galaxia, Vigo, 1965).
RODRÍGUEZ MARÍN, F. (1926): Más de 21.000 refranes castellanos no contenidos en la copiosa colección del Maestro Gonzalo Correas. Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos, Madrid.
RODRÍGUEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia,
SANTAMARINA, A. (ed.) (2003): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la
SANTOS JÚNIOR, J. R. DOS (1949): Paremiologia Jurídica Galaico-Portuguesa. Imprensa
SOTO ARIAS, Mª R. (2003): “Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-
galego” en Cadernos de Fraseoloxía Galega 3.
TORQUEMADA, A. de (1994 [1553]): Coloquios satíricos. Ed. de Lina Rodríguez Cacho,
VALLÉS, P. (2003 [1549]): Libro de refranes. Ed. de CANTERA ORTIZ DE URBINA, J. e
SEVILLA MUÑOZ, J. Guillermo Blázquez, Madrid (consultado en REAL ACADEMIA ESPAÑOLA: Corpus diacrónico del español (CORDE) <http://www.rae.es>).
VÁZQUEZ SACO, F. (2003): “Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral” en
Cadernos de Fraseoloxía Galega 5.
Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, 223-232
Pharmacology & Pharmacy , 2013, 4, 266-273 doi:10.4236/pp.2013.42038 Published Online April 2013 (http://www.scirp.org/journal/pp) Evaluation of the Efficacy and Safety of 1% Sodium Chloride (LiceFreee Spray) against 1% Permethrin Crème Rinse on Head Lice Infested Individuals Lidia Serrano1, Lorraine S. Decesar1, Loan Pham2* 1South Florida Family Health and Researc
PINELLAS COUNTY MOMCARE PROVIDERS As of December, 2013 (Health Insurance for Pregnant Women – A Special Medicaid Program) * Practices may see you before your Medicaid case is approved without collecting funds from you - they may go backwards and bill Medicaid when you get your ID number. **Healthy Start Care Coordinator on site. Drs. Hugo Perez & Jose Calderon (